Culturgal 09 máis próximo

Situación actual:

O pasado 17 de setembro reuniuse a directiva da AGE co fin de tomar unha determinación sobre a celebración do Culturgal 09. Aínda que nada trascendeu oficialmente desta xuntanza, Manuel Bragado declaraba o día 18 desde o seu blogue que a Feira das industrias culturais galegas non podería celebrarse finalmente este ano. No entanto, durante unha conversa que mantivemos esta mesma mañá coa Concelleira de Cultura do Concello da Coruña, María Xosé Bravo, fomos informados de que a concelleira falara o día 19 con Afonso Sanmartín, presidente da AGE, quen lle comunicara que esta asociación estaba a fixar unha reunión para finais de setembro cos membros do Consello asesor do Culturgal para valorar posibilidades, de cara a convocar nos días seguintes unha nova xuntanza coa Concelleira de Cultura da Coruña e a nosa plataforma cidadá Queremos Culturgal 09, e podermos comezar a coordinar esforzos e avanzar no proxecto do Culturgal 09.

A Concellaría de Cultura está en condicións de fornecer a sala municipal ubicada en Palexco (1.000 m2) e o Quiosco Alfonso para desenvolver o evento, alén dunha colaboración de 50.000 € para sufragar os gastos de produción.

Próximas accións:

Agardamos noticias nos próximos días dos pasos que se vaian dando cara á organización do Culturgal 09 para que poidamos organizar o traballo voluntario. A verdade é que 132 persoas dispostas a partillar 1.282 horas do seu tempo poden dar para moito.

Pola nosa parte iremos traendo para este blogue e enviando correos aos membros do grupo de Facebook Queremos Culturgal 09, que logo andará nos 900 membros, toda a información que nos vaia chegando por parte da AGE e da Consellaría de Cultura do Concello da Coruña.

Se queres colaborar e aínda non o fixeches, podes inscribirte a través do formulario de colaboración. Aínda estás en tempo!

Chuzame! A Facebook A Twitter
Olark Livehelp