AchegArte 09

AchegArte é a feira da cultura que facemos, da cultura que queremos. Terá lugar na Coruña -en Palexco e no Kiosko Alfonso- os días 28 e 29 de novembro, e ofrecerá os seguintes contidos:

Exposición e venda: sector audiovisual, asociacións culturais, software libre e empresas de xestión cultural, editoras, librarías, produtoras discográficas e axencias de representación, galerías de arte. Queres colaborar?

-Sala de proxeccións. Queres colaborar?

Espazo musical para actuacións de pequeno formato de escolas de música públicas e privadas. Queres colaborar?

Espazo de música e artes escénicas. Queres colaborar?

Espazos para actos literarios e obradoiros. Queres colaborar?
*As actuacións de música e artes escénicas alternaranse cos actos literarios e os obradoiros.

-Aula de portátiles con wifi. Queres colaborar?

Espazos para obradoiros. Queres colaborar?

Espazo para actuacións de danza. Queres colaborar?

Mesas de traballo sobre o estado da cuestión da Cultura galega. Cada mesa será moderada por unha persoa e outra encargarase de recoller por escrito unhas breves conclusións tiradas ao final da sesión. As conclusións serán publicadas neste mesmo blogue na semana posterior á celebración de AchegArte.

Mesa da música: músicos, discográficas, empresas de representación, programadores e toda persoa interesada. Queres colaborar?

Mesa edición e literatura: autores, editores, libreiros, distribuidores e toda persoa interesada. Queres colaborar?

Mesa artes escénicas: intérpretes, directores, autores, produtores, compañías, programadores e toda persoa interesada. Queres colaborar?

Mesa programación cultural: programadores, salas, empresas de xestión cultural, técnicos de concellos, asociacións culturais e toda persoa interesada. Queres colaborar?

Mesa software libre: asociacións, colectivos, empresas e toda persoa interesada. Queres colaborar?

Mesa audiovisual: creadores, produtoras, distribuidoras, programadores e toda persoa interesada. Queres colaborar?

Se queres colaborar na organización de AchegArte, podes facelo nas seguintes seccións:

-Secretaría e información.
-Sala de prensa.
-Reparto publi dentro e fóra de Palexco (programa de actividades)
-Coordinación sala proxeccións.
-Coordinación entradas e saídas escenario.
-Coordinación comezo e final obradoiros.
-Coordinación de salas.
-Levantar acta de cada mesa de traballo.
-Coordinación de voluntarios.

AchegArte

AchegArte

AchegArte será finalmente a Feira da Cultura de 2009. Mañá esperamos recibir xa toda a info da Concellaría de Cultura do Concello da Coruña sobre contidos e posibilidades de participación.

A cultura que facemos, a cultura que queremos.

Varela di que a ‘suspensión’ de Cultur.gal “non é culpa” da Xunta porque non é a súa organizadora

«O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou que a Xunta “non ten a culpa” da “suspensión” da celebración este ano da terceira edición da Feira Galega das Industrias Culturais –Cultur.gal– porque non é a entidade responsable de “organizala”.
En resposta a unha cuestión parlamentaria formulada pola deputada nacionalista Ana Pontón, o titular de Cultura aclarou que Cultur.gal “non se suprimiu senón que se suspendeu” e atribuíu en exclusiva a responsabilidade de organizar a feira á Asociación Galega de Editores.

Neste escenario, Varela advertiu de que o anterior Executivo bipartito subvencionaba o evento “case na súa totalidade” e apostou por regular unha colaboración da Xunta “máis realista e acorde coa actual conxuntura económica”.

Fronte a iso, a parlamentaria do BNG Ana Pontón subliñou que “culpar” os editores de que “non pedir” á Administración que se convoque a cita “é unha falsidade”. […]» (A Peneira)

O BNG considera unha ”decisión sectaria” a supresión de Culturgal

A portavoz de Cultura do BNG, Ana Pontón, reclamou nun pleno do Parlamento galego que o Goberno do PP decida suprimir este ano o Culturgal, a feira de artes que se celebraba en A Coruña. Pontón cualificou esta decisión como ”unha irresponsabilidade política e unha decisión sectaria”.

«O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, confirmaba no mesmo pleno a decisión da Xunta de desvincularse do evento e de retirarlle o apoio económico que se lle viña prestando, ante unha pregunta realizada por Ana Pontón. A deputada do PPdeG, Marisol Piñeiro, hai varias semanas afirmara que o goberno bipartito “non prevía” a celebración este ano da terceira edición da Feira Galega das Industrias Culturais xa que nos seus orzamentos “non deixou comprometida ningunha partida” para esta cuestión.

Reivindicación do evento

Ana Pontón considera que detrás da retirada do apoio á feira coruñesa ”non hai ningún motivo económico, como pretenden enganarnos, senón unha decisión política do Goberno, que practica o sectarismo contra a cultura galega”. A parlamentaria nacionalista reivindicou o evento afirmando que ”contaba co consenso e participación de todo o sector das industrias culturais galegas”. […]» (Galiciae)

Festa da cultura

A Concellaría de Cultura do Concello da Coruña pásanos esta nota:

O pasado ano celebrouse na cidade o Cultur.gal, organizado pola Consellería de Cultura,  polo que pasaron 40.000 persoas en 4 días que durou a Feira. Este ano a Consellería decidiu non facelo.

A Concellaría de Cultura, cumprindo coa súa responsabilidade coa cidade que fora elixida sede permanente do Cultur.gal, desexa promover unha Festa/Feira de creación cultural. Esta terá lugar na última fin de semana de novembro (28 e 29). Queremos que sexa unha Festa onde a cidadanía se sinta parte da mesma, e queremos comezar porque vós sexades os que determinedes que nome que vai levar.

En que consistirá a Feira? Dentro das nosas posibilidades orzamentarias tentaremos que haxa mostras dos produtos e traballos de todo o sector cultural: que estea representado o mundo editorial, audiovisual, produtoras musicais, artes escénicas…, en definitiva, a idea é que estea presente todo a xente da cultura que queira participar. Haberá actuacións musicais, teatro, monólogos, obradoiros para nenos ou para adultos…

CAL É A VOSA PROPOSTA DE NOME PARA A FESTA/FEIRA?. Enviade as vosas suxestións a cultura@coruna.es”

QUEREMOS CULTURA!

O goberno do Partido Popular acaba de confirmar que non organizará o CULTURGAL, a Feira das Industrias Culturais pola que o ano pasado pasaron máis de 37.000 persoas, onde a música, o libro, o teatro, o audiovisual, as novas tecnoloxías… eran os protagonistas, onde a cultura estaba no mellor escaparate para gabarse e para venderse.

Alí puidemos gozar coa cultura que facemos: contemporánea, moderna, atractiva, que nos fixo sentir que somos unha potencia, porque este país ten talento.

Quizá non debería sorprendernos esta decisión porque a dereita semella incapaz por natureza de ter a cultura entre as súas prioridades.

Mais un grupo de persoas iniciou unha campaña para facer a grande mostra da Cultura Galega, aínda sen axuda da Consellaría de Cultura. Xuntando a capacidade de moitos para facelo posible e nós estaremos aí, non liderando senón acompañando, empuxando con eses que non se conforman, que non se amilanan, que non se encollen, que non se acovardan, que non se venden, porque queremos cultura.

Non será posible o CULTURGAL 2009 que queriamos, mais faremos unha festa da CULTURA GALEGA, porque nós queremos cultura e ímola defender con paixón e vehemencia, como somos, ímolo facer por dignidade, faremos unha festa da cultura, unha festa atractiva porque nós sabemos que recortar gastos en cultura só produce miseria total. E cómpre que saiba todo o mundo que mentres algúns só destrúen, nós traballamos, nós avanzamos.

Era Nietzsche quen dicía: “O grande estilo nace cando o fermoso obtén a vitoria sobre o enorme”, con estilo esta batalla ímola dar!

Mª Xosé Bravo
Concelleira de Cultura do Concello da Coruña

Por un Cultur.gal independente da Xunta

Xornal.com: «Representantes de distintos sectores da industria cultural galega deron o primeiro paso para constituír a Fundación Cultur.gal, que se encargará en anos vindeiros de organizar a Feira Galega das Industrias Culturais (Cultur.gal), desvinculándoa da Xunta de Galicia para evitar que se volva repetir a situación deste ano, cando o cambio de goberno e a falta de orzamento impediron que se organizase a edición 2009. […]
Na mesma reunión convocada polos editores, os profesionais ponderaron o anuncio da Consellería de Cultura de non dotar de orzamento a edición de 2009 de Culturgal, o que fai imposíbel a súa celebración, precisou a mesma fonte. Na reunión acordouse encargar un estudo organizativo e de viabilidade para a futura fundación.»

A organización do Cultur.gal creará unha fundación para asegurar o evento desde 2010

Vieiros: «[…] Fran Alonso, vicepresidente de AGE, explica que “imos ofrecerlle ás administración que participen na fundación, porque cremos que se deben implicar nunha iniciativa como esta”. En calquera caso, consideran que é a sociedade civil a que debe liderar a organización do Culturgal. Alonso confirmou que o obxectivo é que esa fundación organice a feira cultural do 2010, porque os prazos fan “absolutamente imposible” levar adiante a feira este ano.

Apoios desde internet
As entidades reunidas para crear a nova fundación agradeceron as mostras de apoio que o Culturgal recibiu estes meses, especialmente a través de internet. A plataforma “Queremos Culturgal” reuniu ao longo do último mes o apoio de 162 voluntarios que ofreceron case 1.400 horas de traballo para levar adiante a feira. Fran Alonso valora moi positivamente esta iniciativa, pero considera necesario diferenciar “un movemento de reinvindicación cultural” dunha fundación formada polas industrias da cultura que o que queren é “visibilizar a nosa produción”.»

A organización do Cultur.gal renuncia á edición de 2009 e tenta afianzar a de 2010

Asociación Galega de Editores: «O martes 29 de setembro de 2009, na sede da AGE, no Instituto Galego de Información, en Santiago de Compostela, tivo lugar unha xuntanza dos sectores profesionais que participaron na organización da edición anterior do Culturgal co fin de avaliar o anuncio da Consellería de Cultura de non dotar de orzamento a edición de 2009, feito que imposibilita a súa realización. A reunión, convocada pola Asociación Galega de Editores, buscaba unha liña de actuación conxunta de todos os sectores da cultura galega na procura dun futuro sólido para o Culturgal, a Feira das Industrias Culturais Galegas.

Ao chamamento da AGE acudiron os profesionais do audiovisual (AGAPI, AEGA), da música (AGAPHONO), e do libro (AGE, AELG) e sumáronse, amosando a súa dispoñibilidade, outras asociacións profesionais que non puideron estar presentes pero deron o seu apoio, como EGANET e Escena Galega.

Os distintos sectores profesionais, valorando a importancia estratéxica do Culturgal para a visibilidade dos produtos culturais galegos, coincidiron en que a forma xurídica da fundación era a máis acorde coas necesidades da industria cultural galega para organizar un evento no que se visualizara o traballo dos diversos sectores, así como un punto de encontro intersectorial para aproveitar as sinerxías e abordar outros retos de futuro que puideran xurdir.

Constitución da Fundación Culturgal

Xa que logo, na reunión acordouse iniciar os trámites para a futura constitución da Fundación Culturgal, e solicitar un estudo organizativo e de viabilidade para a futura Fundación. Os colectivos integrantes daranlle continuidade ao traballo nunha nova xuntanza á que serán convocados durante vindeiro mes, data que comezaría a ser abordado o borrador dos estatutos.

Os representantes das entidades sectoriais manifestaron tamén o seu desexo e interese en que sexa a sociedade civil a que lidere a organización do Culturgal, sen renunciar a que todas as institucións políticas con responsabilidades na promoción industrial e cultural do país apoien sen reservas a iniciativa. Así mesmo, manifestaron o seu agradecemento ás mostras de apoio de diversos colectivos e persoas a título individual que foron canalizadas a través de diversos medios de comunicación, especialmente a través da internet.»

Xoán Abeleira en La Opinión

Xoán Abeleira: «[…] E o Cultur.gal, as dúas edicións desa “feira da cultura galega”, foron dúas tentativas altamente positivas nise senso. Sobre todo a última (a derradeira?), organizada pola anterior Consellería de Cultura do anterior goberno bipartito e a Concellería de Cultura d’A Cruña, onde tivo lugar e a onde acudiron trinta e sete mil visitantes! Saben vostedes o que iso significa nun país despoboado e desleixado coma o noso? Un éxito innegable.

Pero iste ano o novo goberno, a nova Consellería de Cultura dixeron NON. Por moito que María Xosé Bravo e tódolos implicados na feira tentaron proseguir tan fermosa iniciativa; por máis que agora mesmo hai unha plataforma chamada “Queremos Cultur.gal” que, á desesperada, esta a loitar pra que ise labor non se eslúa, o señor Roberto Valera NON está por il. A escusa son os cartos, por suposto, mais non hai escusa que valga. E menos a do diñeiro, cando foros iles, os señores do PP os que, por exemplo, nos meteron nise despropósito económico, nesa toleirada amoral que NON vai ser a Cidade da Cultura. Algo que, como o tempo acabará demostrando, devirá máis ben noutro mausoleo máis. Noutro absurdo arquitectónico. […]»